Evolución de Biston betularia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A evolución de Biston betularia é un exemplo evolutivo de cambio direccional de cor nunha poboación de avelaíñas como consecuencia da contaminación do aire durante a Revolución Industrial. A frecuencia das avelaíñas desta especie de cor escura incrementouse en dita época histórica, un exemplo do que se denominou melanismo industrial. Posteriormente, cando a contaminación se reduciu, a forma de cor clara pasou a predominar outra vez. O melanismo industrial na Biston betularia foi unha das primeiras comprobacións da selección natural de Charles Darwin en acción, e converteuse nun exemplo clásico na ensinanza da evolución.[1][2] En 1978 Sewall Wright describiuno como "o caso máis claro no cal un proceso evolutivo notorio foi observado realmente."[3][4]
- Este artigo trata sobre a importancia da Biston betularia na bioloxía evolutiva. Para a evolución a partir dos seus antepasados ver Evolución dos insectos
A forma de cor escura ou melánica da B. betularia (var. carbonaria) non se coñecía antes de 1811. Despois dunha recolección no campo en 1848 en Manchester, unha cidade industrial de Inglaterra, observouse que esa variedade se incrementara drasticamente. Ao final do século XIX xa superaba á variedade orixinal de tipo claro (var. typica), chegando ao 98% en 1895.[5] Da importancia evolutiva desta avelaíña só se fixeron especulacións durante a vida de Darwin. Pero 14 anos despois da vida de Darwin, en 1896, J.W. Tutt presentouna como un caso de selección natural.[6] Debido a isto, a idea espallouse grandemente, e máis persoas quedaron convencidas da teoría de Darwin.
Bernard Kettlewell foi o primeiro que investigou o mecanismo evolutivo que estaba detrás da adaptación da B. betularia, entre 1953 e 1956. Atopou que un corpo e ás de cores claras era unha camuflaxe efectiva nun ambiente limpo, como en Dorset, mentres que as cores escuras eran beneficiosas nun ambiente contaminado como Birmingham. Esta supervivencia selectiva era debida a que os predadores das avelaíñas (aves) capturaban con maior facilidade as avelaíñas escuras sobre as árbores claras (non lixadas pola contaminación do feluxe). Este caso, apoiado no experimento de Kettlewell, converteuse nun exemplo canónico da evolución darwinista e evidencia da selección natural usada nos libros de texto estándar.[7]
Porén, como Theodore David Sargent non conseguiu replicar o experimento e criticou os métodos de Kettlewell a finais da década de 1960, creceu o escepticismo sobre o caso. Cando se publicou o libro de Judith Hooper Of Moths and Men (De avelaíñas e homes) en 2002, o experimento de Kettlewell foi atacado máis duramente, acusado de fraude e suscitou un amplo rexeitamento. Estas críticas foron aproveitadas como un importante argumento polos creacionistas, que negan a realidade da evolución. Michael Majerus foi o principal defensor do exemplo ao realizar un amplo experimento que durou sete anos. O experimento de Majerus comezou en 2001, é o máis elaborado do seu tipo en bioloxía de poboacións, e os seus resultados foron publicados postumamente en 2012, e vindicaban o traballo de Kettlewell en gran detalle. Isto restaurou a validez do exemplo da evolución da B. betularia como "a evidencia máis directa" e "un dos exemplos máis claros e doados de entender de evolución darwinista en acción".[8]