Evolución do cabalo
From Wikipedia, the free encyclopedia
A evolución do cabalo, un mamífero da familia Equidae, ocorreu ao longo dunha escala de tempo xeolóxico de 50 millóns de anos, transformando a pequena especie do tamaño dun can,[1] que vivía nos bosques, Eohippus, no cabalo moderno. Os paleozoólogos conseguiron elaborar un perfil máis completo da liñaxe evolutiva do cabalo que o de calquera outro animal. Gran parte desta evolución tivo lugar en Noreamérica, onde se orixinaron os cabalos, pero extinguíronse alí hai uns 10 000 anos.[2]
O cabalo pertence á orde Perissodactyla (ungulados cun número impar de dedos), cuxos membros comparten ter cascos nos pés e un número impar de dedos en cada pé, así como un labio superior móbil e unha estrutura similar dos dentes. Isto significa que os cabalos comparten un antepasado común cos tapires e rinocerontes. Os perisodáctrilos orixináronse no Paleoceno tardío, menos de 10 millóns de anos despois do evento de extinción Cretáceo–Paleoxeno. Este grupo de animais parece que se especializaron orixinalmente para vivir nos bosques tropicais, pero mentres que os tapires e, en certa medida, rinocerontes, mantiveron as súas especializacións propias para a selva, os cabalos modernos están adaptados á vida en tera seca, nas condicións climáticas moito máis duras das estepas. Outras especies de Equus están adaptadas a diversas condicións intermedias.
Os cambios climáticos e ambientais impulsaron a evolución do cabalo. Os antepasados máis antigos do cabalo moderno tiñan pés cos dedos separados, unha adaptación a camiñar sobre os chans brandos e húmidos dos bosques primixenios. Segundo a teoría máis clásica, a medida que avanzaba a extensión das pradeiras, a dieta dos équidos cambiou da follaxe ás herbas, o que orixinou a aparición de dentes máis grandes e durables. Ao mesmo tempo, a medida que empezaron a aparecer as estepas, os predecesores dos cabalos necesitaron ser máis veloces para superar os seus predadores. Isto conseguiuse co alongamento das patas e a elevación dalgúns dos dedos desde o nivel do chan ata unha posición máis superior na pata, de tal maneira que o peso do corpo quedou gradualmente soportado nun só dos dedos máis longos, o terceiro.