Estromatólito
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os estromatólitos[1] (do grego στρῶμα strôma 'tapiz, tapete, cama', e λίθος líthos 'pedra'), son estruturas características dalgunhas rochas calcarias, formadas por capas concéntricas de carbonato cálcico e con disposicións ramificadas, ou en cintas, cilíndricas, columnares, hemisféricas, domais [2] etc., que foron descritas por primeira vez no Precámbrico de Montana (EUA) e despois en diversas rexións do globo e en niveis xeolóxicos máis recentes, mesmo actuais, como as de Australia que se amosan na ilustración superior.
O primeiro que as describiu, e que lles deu o seu nome foi, en 1908, o xeólogo alemán Ernst Kalkowsky.[3] Son rochas de orixe orgánica, formadas, a maioría, por precipitación de carbonato cálcico (e dolomita) debido á acción de algas azuis (cianófitos ou cianobacterias).[4], en augas mariñas temperadas, tranquilas e pouco profundas.
Os estromatólitos son estruturas finamente laminadas. O espesor das láminas é da orde dalgúns milímetros a súa forma é plana (este tipo de estrutura denomínase laminación algal ou criptalgal), peo tamén as hai, como quedou dito, hemisféricas e columnares. Adoitan presentar numerosos poros entre as láminas (porosidade fenestral).
Encótranse estromatólitos fósiles en todas as eras xeolóxicas, e un dos indicios máis antigos da vida na Terra son estruturas estromatolíticas de hai 3.500 millóns de anos encontradas no cartón de Pilbara, (Warrawoona, Australia).[5]
Os estromatólitos foron moi abundantes na era precámbrica, cando a atmosfera terrestre era rica en dióxido de carbono, pero pobre en osíxeno. Declinaron no Paleozoico, e son raros na época actual, aínda que se poden ver na baía de Shark, Australia, e en moitos outros lugares.