Estro
From Wikipedia, the free encyclopedia
Chámase estro,[1] época de celo, ou simplemente celo, ao período no que os animais mamíferos están receptivos sexualmente. O adxectivo correspondente é estral (por exemplo, ciclo estral).
Nas femias dos mamíferos a época de celo é o período no que son receptivas sexualmente, é dicir, o momento en que aceptan ao macho para reproducírense. Durante esta etapa ocorre a ovulación.
O período estral repítese ciclicamente nas femias dunha especie a partir da primeira ovulación, e cóntase en función destas a partir de entón e até a final do período de fecundidade. A súa frecuencia varía notabelmente en función da especie, desde unhas horas até varios días ou meses.
Nas mulleres existe un ciclo de actividade ovárica en virtude do cal existen cambios fisiolóxicos en todo o seu aparello reprodutor e do cal derivan certos cambios condutuais. Porén, como nas mulleres a aceptación sexual non se circunscribe a unha parte do ciclo reprodutivo (cousa que si sucede na maior parte dos animais, aínda que existan excepcións como o bonobo, Pan paniscus), non se debería usar o termo estro en femias como a humana, nas que dita aceptación sexual é independente do ciclo reprodutivo.
Tanto nas mulleres como nas femias dos grandes primates a este período, que se inicia coa primeira menstruación, denomínase ciclo sexual feminino.