Estatua da Liberdade
monumento localizado na illa da Liberdade na entrada do porto de Nova York / From Wikipedia, the free encyclopedia
«Liberty Enlightening the World» (A liberdade iluminando o mundo), coñecida como a Estatua da Liberdade (en inglés: The Statue of Liberty; en francés: Statue de la Liberté), é un dos monumentos máis celebres dos Estados Unidos de América localizado na entrada do porto de Nova York desde o 28 de outubro de 1886 (atópase na illa da Liberdade ao sur da illa de Manhattan, xunto á desembocadura do río Hudson e preto da illa Ellis). Conmemora o centenario da sinatura da Declaración de Independencia dos Estados Unidos e é un regalo en xesto de amizade de Francia para cos Estados Unidos de América. Foi proxectada e construída polo escultor[3] alsaciano Frédéric Auguste Bartholdi (1834-1904), que supostamente usou a súa nai como modelo. Para a construción da estrutura metálica interna da estatua, Bartholdi contou coa asistencia do enxeñeiro francés Gustave Eiffel[4], coñecido como autor da Torre Eiffel de París.
Estatua da Liberdade A liberdade iluminando o mundo Statue of Liberty Liberty Enlightening the World | |
---|---|
Estatua da Liberdade | |
Presentación | |
Nome local | Liberty Enlightening the World |
Localización | Illa da Liberdade, Manhattan, río Hudson[1] |
Dirección | Nova York |
Coordenadas | 40°41′21″N 74°2′40″O |
Estrutura | pedra e ferro |
Tipo | estatua |
Arrendatario | U.S. National Park Service |
Uso(s) | faro ata 1902, cultural |
Declaración | Monumento nacional dos Estados Unidos (1924) Patrimonio da Humanidade (1984) |
Construción | |
Inicio | 5 de agosto de 1884 |
Remate | 28 de outubro de 1886 |
Remodelación | 1938, 1984–1986, 2011–2012 |
Visitantes | 3.2 million (no 2009)[2] |
Dimensións | |
Altura | 46 m |
Altura máxima | 93 m. |
Equipo | |
Escultor | Frédéric Auguste Bartholdi |
Enxeñeiro civil | Gustave Eiffel |
A estatua é dunha figura feminina vestida que representa a deusa romana Libertas que leva un facho na man dereita e unha tabula ansata (unha tableta que evoca a lei) na man esquerda sobre a cal está inscrita a data da Declaración Americana de Independencia, o 4 de xullo de 1776. Aos seus pés atópase unha cadea rota.
A Estatua da Liberdade, ademais de ser un monumento importante na cidade de Nova York, converteuse nun símbolo nos Estados Unidos e representa, nun plano máis xeral, a liberdade e emancipación con respecto á opresión. Desde a súa inauguración en 1886, a estatua foi a primeira visión que tiñan os inmigrantes europeos ao chegar aos Estados Unidos tras a súa travesía polo océano Atlántico. En termos arquitectónicos, a estatua recorda o famoso Coloso de Rodas, unha das «sete marabillas do mundo». Foi nomeada para as «novas sete marabillas do mundo», onde resultou finalista. O nome asignado pola Unesco é «Monumento Nacional Estatua da Liberdade». Desde o 10 de xuño de 1933 encárgase da súa administración o National Park Service dos Estados Unidos.
O 15 de outubro de 1924, a estatua foi declarada como monumento nacional dos Estados Unidos e o 15 de outubro de 1965 engadiuse a illa Ellis. Desde 1984 está considerada Patrimonio da Humanidade pola Unesco.[4]