Estado nación
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Estado-nación[1] é unha unidade política formada por un Estado na que os seus membros se senten unidos por unha identidade común baseada no concepto de nación.[2][3][4][5] Considérase un concepto máis preciso que "país", xa que un país non precisa ter un grupo étnico predominante.
Noutras palabras, un estado-nación é un estado que se identifica cun pobo e cunha lingua; é o Estado do pobo X e opera na lingua X. Na inmensa maioría dos casos, os estados do mundo tenden a presentarse como estados-nación, aínda que case sempre son de composición multinacional ou plurinacional e, nalgún ou outro grao, aplica políticas de absorción lingüístico-cultural cara aos alófonos.[6]
Considérase que o Estado-nación se constituíu como un mecanismo político de delimitación do poder e influencias das potencias europeas nos distintos territorios onde se discutía a hexemonía sobre os pobos. O Estado-nación viu a luz historicamente a través do Tratado de Westfalia asinado en 1648, ao final da Guerra dos Trinta Anos, que buscaba unha saída ás loitas das relixións iniciadas pola Reforma Protestante. O principio básico deste tratado é o equilibrio de poderes dos distintos estados de Europa, e para iso recorreron á fórmula do Estado-nación e ao recoñecemento internacional dunha certa tolerancia política e relixiosa no desenvolvemento interno de cada Estado. Este tratado pon fin á antiga orde dos estados feudais, controlados e privatizados por un título de nobreza, que non mantiñan ningunha correlación con fronteiras, nacións, pobos, correlacións e se limitaban a unha explotación medieval de dominios. A partir de aí, dá paso a organizacións territoriais e de poboación definidas arredor dun goberno que recoñece os seus límites espaciais, e polo tanto o poder.[7][8][9]