Estado de Palestina
From Wikipedia, the free encyclopedia
Palestina[n. 1] (Árabe: فلسطين, Filasṭīn, Falasṭīn ou Filisṭīn), oficialmente declarado como o Estado de Palestina (Árabe: دولة فلسطين, Dawlat Filasṭin), é un Estado con recoñecemento limitado situado no Oriente Medio, máis concretamente no Levante mediterráneo, e que limita con Israel, Xordania, Exipto e a ribeira suroriental do mar Mediterráneo.[2] Tamén é considerado un protoestado.[3] Foi proclamado no exilio en Alxer o 15 de novembro de 1988, cando o Consello Nacional da Organización para a Liberación de Palestina (OLP) adoptou a declaración de independencia de Palestina de forma unilateral. Nese tempo a OLP non exercía control sobre territorio ningún, e era un goberno no exilio.[4] Aínda hoxe parte do territorio reclamado mantense baixo ocupación israelí.[5] Reivindica os territorios palestinos[6] definidos antes da guerra de 1967, e designou a Xerusalén Leste como a súa capital.[7][8][n. 2] En 1994, conforme aos acordos de Oslo entre a OLP e o Goberno de Israel, foi establecida a Autoridade Nacional Palestina como unha entidade administrativa transitoria.[7][8][12] O 31 de outubro de 2011, foi admitida como membro número 195 da UNESCO, como estado membro de pleno dereito.[13]
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente. |
Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
O 29 de novembro de 2012 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Resolución 67/19 (proxecto de resolución A/67/L.28) en virtude da cal concedeu a Palestina a condición de «Estado observador non membro» da organización, reafirmando ademais o dereito do pobo palestino a un territorio baixo as fronteiras definidas antes da Guerra de 1967.[14][15] Esta resolución non implica aínda a admisión de Palestina como membro pleno da organización, pois para iso necesitaríase da aprobación do Consello de Seguridade das Nacións Unidas no cal Estados Unidos se opón. O 17 de decembro de 2014 o Parlamento Europeo apoiou publicamente o recoñecemento do Estado de Palestina, tras facelo os parlamentos de varios países membros como Reino Unido, España, Francia, Irlanda[16] e Italia.[17][18][19][20] O recoñecemento do Parlamento Europeo e dos parlamentos nacionais é puramente simbólico, xa que o recoñecemento efectivo débeno realizar cada un dos gobernos dos estados membros. Na actualidade, o único país da UE que o recoñeceu sendo xa membro da Unión foi Suecia, en maio de 2015 tamén foi recoñecido oficialmente pola Santa Sé.[21][22]