Estación espacial
nave espacial deseñada para permanencia humano no espazo / From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha estación espacial é unha construción artificial deseñada para facer actividades no espazo exterior, con diversos fins. Distínguese doutras naves espaciais tripuladas pola súa carencia dun sistema de propulsión principal (en lugar diso, empréganse outros vehículos como transporte dende e cara á estación), e de medios de aterraxe. Polo seu deseño, as estacións espaciais están destinadas a orbitar a Terra (en órbita terrestre baixa), ou o corpo celeste onde se puxesen en órbita. En decembro de 2020 só hai unha estación espacial operativa en órbita: a Estación Espacial Internacional, que está permanentemente tripulada. As dúas últimas anteriores foron Tiangong-1 da China (reentrada en 2016) e Tiangong-2 (lanzada o 15 de setembro de 2016, mais non permanentemente tripulada).[1][2]
As estacións espaciais son plataformas de investigación, empregadas para estudar os efectos a longo prazo do voo espacial sobre o corpo humano. Así mesmo, serven como plataforma para albergar laboratorios onde se realizan numerosos e prolongados estudos científicos sobre aspectos que poden ser útiles noutros vehículos espaciais, permitindo unha maior duración que noutros tipos de vehículos espaciais. Cada membro da tripulación queda a bordo da estación durante semanas ou meses, rara vez máis dun ano. Dende o incidente do voo do Soiuz 11 ao Saliut 1, todos os récords de voo espacial tripulado establecéronse a bordo de estacións espaciais. A marca de duración para un só voo espacial é de 437,7 días, establecido por Valeriy Polyakov a bordo da Mir de 1994 a 1995. A partir de 2016, catro astronautas completaron misións individuais de arredor dun ano, todas a bordo da Mir.
As estacións espaciais tamén se empregaron para fins militares e civís. A última estación espacial de uso militar foi Saliut 5, que se empregou no programa Almaz da Unión Soviética en 1976 e 1977.[3]