Endogamia (bioloxía)
From Wikipedia, the free encyclopedia
A endogamia é a produción de descendencia mediante o apareamento ou crianza de individuos ou organismos que están estreitamente relacionados xeneticamente.[2] Por analoxía, o termo utilízase tamén en reprodución humana, pero comunmente se refire ás desordes xenéticas e outras consecuencias que poden xurdir de relacións sexuais incestuosas e a consanguinidade.
A endogamia ten como resultado a homocigose, a cal pode aumentar as posibilidades de que a descendencia sexa afectada por trazos recesivos ou deletéreos.[3] Isto xeralmente ocasiona unha diminución da fitness dunha poboación[4][5] (a capacidade de sobrevivir e reproducirse), o cal se coñece como depresión endogámica. O individuo que herda ditos trazos deletéreos chámase endogámico. Para evitar a expresión de tales alelos recesivos deletéreos causados pola endogamia, empréganse mecanismos de evitación de endogamia, e é a motivación principal do cruzamento externo.[6][7] A endogamia entre as poboacións a miúdo tamén ten efectos positivos en trazos relacionados coa fitness biolóxica.[8]
A endogamia é unha técnica utilizada en cría selectiva. Na cría de gando, os criadores poden utilizala cando, por exemplo, tentan establecer un trazo novo e desexable no gando, pero se terá que vixiar a presenza de características indesexables na descendencia, as cales poden despois ser eliminadas por cruzamento selectivo con liñas máis afastadas ou con sacrificios de individuos non desexados. Tamén adoita usarse a endogamia para revelar trazos recesivos deletéreos, os cales poden entón ser eliminados mediante estratexias de cruzamento. Na cría de plantas, o cruzamento endogámico de liñas vexetais é utilizado como estirpe para a creación de liñas híbridas e aproveitar os efectos da heterose. A endogamia nas plantas tamén ocorre de forma natural por autopolinización.