Electrólise
From Wikipedia, the free encyclopedia
A electrólise[1] é un fenómeno de descomposición química dun soluto por unha corrente eléctrica continua que atravesa a disolución. Os catións, cargados positivamente, por exemplo, ións metálicos, deposítanse no cátodo, e os anións, cargados negativamente, por exemplo, ións halóxenos, fano no ánodo. A cantidade de cada elemento que se deposita nun eléctrodo é proporcional á cantidade de corrente que atravesa a disolución.
Este proceso ten varias aplicacións, como por exemplo, o de purificador de substancias e tamén é un sistema de separación de isótopos para obter auga pesada de ata un 99% de pureza. Úsase tamén na obtención de metais alcalinos e algúns outros metais pesados, co que se consegue un excelente grao de pureza. Tamén se utiliza na obtención do hidróxeno, na análise electrolítica e en galvanotecnia.