Díodo
From Wikipedia, the free encyclopedia
En electrónica, un díodo[1] é un compoñente electrónico de dous terminais que permite a circulación da corrente eléctrica a través del nunha única dirección.[2] O termo adoita facer referencia a un díodo semicondutor, o tipo máis común actualmente. Este é unha peza cristalina de material semicondutor conectada a dous terminais eléctricos.[3] Un díodo de tubo de baleiro (pouco empregado actualmente agás nalgunhas tecnoloxías de alta potencia) é un tubo de baleiro con dous eléctrodos: unha placa e un cátodo.
A función máis común dun díodo é permitirlle á corrente eléctrica pasar nunha dirección (coñecida coma o sentido directo) mentres bloquea a corrente na dirección oposta (a dirección inversa). Polo tanto, o díodo pódese ver coma unha versión electrónica dunha válvula sen retorno. Este comportamento unidireccional coñécese coma rectificación, e úsase para converter corrente alterna en corrente continua, e para extraer a modulación dos sinais de radio nos receptores de radio.
Porén, os díodos poden ter un comportamento máis complexo do que esta simple acción interruptora, debido ás súas complexas características eléctricas non-lineais, que poden ser modificadas variando a construción da súa unión P-N. Estas explótanse en díodos de propósitos especiais que levan a cabo moitas funcións diferentes. Por exemplo, empréganse díodos especializados para regular a voltaxe (díodo Zener), para axustar electronicamente os receptores de radio e TV (díodo varactor), para xerar oscilacións de radiofrecuencia (díodo túnel) e para producir luz (díodo LED). Os díodos túnel teñen resistencia negativa, o que os fai útiles nalgúns tipos de circuítos.
Os díodos foron os primeiros dispositivos electrónicos semicondutores. O descubrimento das capacidades rectificadoras dos cristais foi levado a cabo polo físico alemán Ferdinand Braun en 1874. Os primeiros díodos semicondutores, chamados díodos de bigotes de gatos, desenvolvidos arredor de 1906, fixéronse de cristais minerais tales coma a galena. Hoxe, case tódolos díodos están feitos de silicio, mais ás veces empréganse outros semicondutores coma o xermanio.[4]