Día Internacional dos Traballadores
celebración anual do movemento obreiro mundial / From Wikipedia, the free encyclopedia
O Día Internacional dos Traballadores ou Día Internacional do Traballo ou Primeiro de Maio, é a festa por antonomasia do movemento obreiro mundial.
Desde o seu establecemento na maioría de países (aínda que a consideración de día festivo foi en moitos casos tardía) por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889, é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe ós Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago. As xornadas foron realizadas seguindo o éxito que tivera o movemento sindical no Canadá, cunha campaña semellante a partir do 1872 a favor do día laboral limitado e dos dereitos sindicais.
Nos Estados Unidos esta celebración é minoritaria[1]. Alí celebran o Labor Day o primeiro luns de setembro desde 1882, nunha parada realizada en Nova York e organizada pola Nobre Orde dos Cabaleiros do Traballo (Knights of Labor, en inglés). O presidente Grover Cleveland, propiciou a celebración en setembro por temor a que a data de maio reforzase o movemento socialista nos Estados Unidos.