Diversidade xenética
From Wikipedia, the free encyclopedia
A diversidade xenética é o número total de características xenéticas na composición xenética dunha especie (xenes e alelos). Distínguese da variabilidade xenética, que describe a tendencia ou capacidade que teñen os caracteres xenéticos de variar.
A diversidade xenética serve para que as poboacións se adapten a ambientes cambiantes. Canta máis variación haxa é máis probable que algúns individuos da poboación posúan variantes de alelos que sexan adecuadas para ese ambiente. Eses individuos é máis probable que sobrevivan para producir descendentes que portarán ese alelo. A poboación continuará existindo durante máis xeracións debido ao éxito deses individuos.[1]
En xenética de poboacións hai varias hipóteses e teorías sobre a diversidade xenética. A teoría neutralista da evolución propón que a diversidade é o resultado da acumulación de substitucións neutras de nucleótidos nos xenes. A selección diversificante é a hipótese que di que dúas subpoboacións dunha especie que viven en diferentes ambientes que seleccionan diferentes alelos dun locus determinado, fanse cada vez máis diferentes xeneticamente. Isto pode ocorrer, por exemplo, se unha especie ten unha ampla área de distribución en relación coa mobilidade dos individuos que viven nela. A selección dependente de frecuencia é a hipótese que di que se os alelos se fan máis comúns, as especies fanse máis vulnerables. Isto ocorre nas interaccións hóspede-patóxeno, nas que unha alta frecuencia dun mesmo alelo defensivo no hóspede significa que é máis probable que o patóxeno se espalle se pode superar ese alelo.