Dinoflaxelados
grupo de protistas flaxelados / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os dinoflaxelados ou Dinoflagellata (do grego δῖνος, dinos, "xiro, rotación" [1], e do latín flagellum, "látego") son un importante grupo de protistas flaxelados. A maioría son especies planctónicas mariñas, pero tamén son abondosas en augas doces, salobres e mesmo na neve e xeo. As súas poboacións están distribuídas dependendo da temperatura da auga, salinidade e profundidade. Moitos dinoflaxelados son fotosintéticos, pero unha gran parte deles son en realidade mixotróficos, é dicir, combinan a fotosíntese coa inxestión de presas.[2] Os dinoflaxelados son o principal grupo de eucariotas mariños xunto coas diatomeas. O feito de seren produtores primarios fai deles unha parte importante das cadeas alimenticias acuáticas. Algunhas especies, chamadas zooxantelas, son endosimbiontes de animais mariños e xogan un papel importante na bioloxía dos arrecifes de coral. Outros dinoflaxelados son predadores incoloros doutros protozoos, e unhas poucas formas son parasitas (por exemplo, Oodinium ou Pfiesteria). Os dinoflaxelados presentan estados de repouso chamados quistes de dinoflaxelados ou dinoquistes, como parte dos seus ciclos de vida.
Dinoflaxelados Rango fósil: Triásico - Presente | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Ceratium furca | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Clases | |||||||||
Dinophyceae |
Os dinoflaxelados son considerados protistas, clasificados na súa propia división, os Dinoflagellata.[3]
Foron descritas arredor de 1.555 especies de dinoflaxelados mariños de vida libre.[4] Outra estimación máis ampla suxire a existencia de preto de 2.000 especies, das cales máis de 1.700 son mariñas e unhas 220 de augas doces.[5]
Nas floracións de algas (mareas vermellas) os dinoflaxelados poden orixinar unha coloración visible das augas, o que explica a denominación marea vermella.
Escribíronse moitos resumos (revisións) da información coñecida sobre os dinoflaxelados.[3][6][7][8]