Cruceiro
monumento relixioso formado por unha cruz de pedra / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra, cunha ou varias imaxes, elevada sobre unha columna asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas etc., lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza (teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores).
O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas, intimamente vencellado á paisaxe rural galega. Xorde nos máis inesperados recunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis. O cruceiro tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, por exemplo Irlanda en Europa onde se chaman high cross as que son de moita influencia celta e que existen desde o século VII. Tamén aparecen cruceiros semellantes aos galegos e portugueses en amplas zonas de Francia (especialmente na Bretaña), Alemaña e Gran Bretaña.
Non se coñece o número dos existentes en Galicia, e a distribución por provincias é desigual, observándose unha maior abundancia nas provincias da Coruña e Pontevedra e sendo máis escasos en Lugo e Ourense. Clodio González Pérez di que pasan dos 10.000, entre cruces e cruceiros.[1] A Universidade da Coruña, que está realizando desde 1993 un inventario concello a concello, estima o número en "polo menos 12.000".[2] como exemplo, hai catalogados "case 140 cruceiros, cruces e petos" no Porriño,[3], 118 en Rianxo [4] "algo más de 300" en Vilalba,[2] máis de 250 na comarca de Pontevedra.[5]. Segundo o inventario que realizou Yves Castel en 1980, a Bretaña francesa contaría cuns 9.000.