Crise do euro
From Wikipedia, the free encyclopedia
A crise do euro, tamén chamada crise da zona euro, foi unha crise que afectou aos países da zona euro.[3] Tivo aspectos dunha crise da débeda soberana, do sistema bancario e do sistema económico en xeral.[4]
A crise fixo difícil ou imposíbel a algúns países da zona euro refinanciar a súa débeda pública sen a asistencia de terceiros.[5] Desde finais de 2007, o medo a unha crise da débeda soberana comezou a crecer entre os investidores como consecuencia do aumento dos niveis de débeda privada e pública en todo o mundo, ao tempo que se producía unha vaga de degradacións na cualificación crediticia da débeda gobernamental entre diferentes estados europeos. As causas da crise eran diferentes segundo o país. En moitos deles, a débeda privada xurdida como consecuencia dunha burbulla no prezo dos activos inmobiliarios que foi transferida cara a débeda soberana, iso como consecuencia do rescate público dos bancos crebados e das medidas de resposta dos gobernos á debilidade económica postburbulla. A estrutura da eurozona como unha unión monetaria (isto é, unha unión cambiaria) sen unión fiscal (é dicir, sen regras fiscais nin sobre as pensións) contribuíu á crise e tivo un forte impacto sobre a capacidade dos líderes europeos para reaccionaren.[6][7] Os bancos europeos tiñan na súa propiedade cantidades considerábeis de débeda soberana, de modo que a preocupación sobre a solvencia dos sistemas bancarios europeos ou sobre a solvencia da débeda soberana refórzanse negativamente.[8]
As preocupacións intensificáronse a principios de 2010 e posteriormente,[9][10] conducindo aos ministros de finanzas europeos o 9 de maio de 2010 a aprobar un paquete de rescate de 750 000 millóns de euros dirixido a asegurar a estabilidade financeira en Europa mediante a creación dun Fondo Europeo de Estabilidade Financeira (FEEF).[11] En outubro de 2011 e en febreiro de 2012 os líderes da eurozona acordaron máis medidas deseñadas para previr o colapso da economía dos estados membros. Estas incluíron un acordo polo que os bancos aceptaban unha quita do 53,5 % da débeda grega debida a acredores privados,[12] o aumento do FEEF até un importe superior a mil millóns de euros, e o requirimento aos bancos europeos de alcanzar un 9 % de requirimento de capitalización.[13] Para restaurar a confianza en Europa, os líderes da UE tamén acordaron crear un Pacto Fiscal Europeo, incluíndo o compromiso de cada país participante en introducir unha Regra de Ouro orzamentaria nas súas constitucións.[14][15] Os políticos europeos tamén propuxeron unha maior integración na xestión bancaria europea desenvolvendo un seguro de depósitos, unha supervisión bancaria e medidas de recapitalización a escala continental.[16] O Banco Central Europeo tomou medidas para manter os fluxos de diñeiro entre bancos europeos baixando os tipos de interese e outorgando aos bancos máis débiles préstamos baratos por un importe de até mil millóns de euros.
Aínda que a débeda soberana aumentou substancialmente só nalgúns países europeos, instalouse a percepción de que o problema era compartido pola zona euro no seu conxunto,[17] o que conduciu á especulación constante sobre a posibilidade de que a zona euro quebrara. Porén, cara a mediados de novembro de 2011, o euro cambiábase a un prezo incluso superior ao do bloque de principais socios comerciais da UE que antes da crise,[18][19] antes de perder algo de terreo como durante os meses seguintes.[20][21] Os tres países máis afectados, Grecia, Irlanda e Portugal (os tres primeiros en requirir un rescate), colectivamente sumaban o 6 % do Produto Interior Bruto (PIB) da eurozona.[22] En xuño de 2012 tamén España converteuse en obxecto de preocupación,[23] cando o aumento dos tipos de interese comezou a afectar a súa capacidade de acceder aos mercados de capitais, conducindo a un rescate dos seus bancos e a outras medidas.[24] En marzo de 2013 acordouse tamén un rescate para Chipre de 10 000 millóns de euros.[25]
Para responder aos problemas de fondo e aos desequilibrios económicos, a maior parte dos países da UE acordaron adoptar o Pacto do Euro, consistente nunha serie de reformas políticas dirixidas a mellorar a solidez fiscal e a competitividade dos seus Estados membros. Este pacto forzou aos países máis pequenos a levar a cabo máis medidas de austeridade para reducir os déficits e os niveis de débeda nacionais. Este tipo de políticas non keynesianas foron criticadas por numerosos economistas, os cales demandaron unha nova estratexia de crecemento baseada no aumento do investimento público, financiado por taxas que permitiran o crecemento sobre a propiedade, a terra e as institucións financeiras, en particular unha nova taxa sobre as transaccións financeiras europeas.
Os líderes da UE acordaron aumentar moderadamente os fondos do Banco Europeo de Inversións para lanzar proxectos de infraestruturas e incrementar os préstamos ao sector privado.
Ademais, solicitouse ás economías máis débiles da UE que restauraran a competitividade mediante a desvalorización interna, isto é, reducindo os seus custos de produción.[26] Confiábase que estas medidas reduciran os desequilibrios de conta corrente entre os membros da eurozona e que, progresivamente levaran á final da crise.
A crise tivo un grande impacto na política da UE, provocando cambios políticos en 8 países dos 17 que forman a eurozona, conducindo a cambios de goberno en Grecia, Irlanda, España, Eslovenia, Eslovaquia e os Países Baixos.
A crise do euro converteuse tamén nunha crise social temporal en varios dos países membros da eurozona, con niveis relativamente altos de deteroriación causados pola crise económica.