Convenio de Schengen
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Convenio de Schengen é un acordo polo que varios países de Europa suprimiron os controis nas fronteiras interiores entre eles e trasladaron eses controis ás fronteiras exteriores, con países terceiros.[1] O convenio, firmado na cidade luxemburguesa de Schengen en 1985 e en vigor desde 1995, establece un espazo común –denominado espazo Schengen–[2] polo que pode circular libremente toda persoa que entrara regularmente por unha fronteira exterior ou resida nun dos países que aplican o Convenio.
En total, os países que forman parte do espazo Schengen son 26:[3] Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Islandia, Italia, Letonia, Liechtenstein, Lituania, Luxemburgo, Malta, Noruega, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa, Suecia e Suíza. Este último país votou o 9 de febreiro de 2014 en referendo, restrinxir o acceso dos cidadáns de Europa ao seu territorio, o que pode levarlle a abandonar o espazo Schengen.[4]
Existen países que pertencen ao convenio de Schengen pero que teñen excepcións na aplicación dalgúns puntos do acordo e non pertencen ao espazo Schengen. Por exemplo, Reino Unido e Irlanda non forman parte do espazo Schengen pero participan na cooperación policial e xudicial e na loita contra estupefacientes. Outros como Bulgaria, Romanía e Chipre aínda non pertencen ao espazo de Schengen porque non cumpren cos requisitos de seguridade establecidos, aínda que si aplican outras partes do convenio. Islandia, Liechtenstein, Noruega e Suíza, que non son membros da Unión Europea, chegaron a un acordo para formar parte da zona Schengen,[5] Croacia, último país en incorporarse á UE, quería integrarse no acordo en 2015.[6]