Concertos para piano de Wolfgang Amadeus Mozart
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os concertos para piano e orquestra de Wolfgang Amadeus Mozart son un conxunto de vinte e sete obras deste xénero escritas polo compositor austríaco entre 1767 e 1791.
Número de concertos: | Vinte e sete |
---|---|
Instrumentación: | Piano e orquestra (de dimensións e composición variable, mais sempre presenta unha sección de cordas ao completo e varios instrumentos de vento madera; tamén son frecuentes instrumentos de vento metal, principalmente trompetas e trompas). |
Datas de composición: | 1767–1791 |
Números no Catálogo Köchel (KV): | 37 · 39 · 40 · 41 · 107 · 175 · 238 · 242 · 246 · 271 · 365 · 413 · 414 · 415 · 449 · 450 · 451 · 453 · 456 · 459 · 466 · 467 · 482 · 488 · 491 · 503 · 537 · 595 |
Tonalidades | fa maior · si bemol maior · re maior · sol maior · dó maior · mi bemol maior · la maior · re menor · dó menor |
A estrutura destes concertos está escrita en tres movementos seguindo o esquema clásico: un primeiro movemento rápido (adoita ser un allegro), un segundo movemento lento (adoita ser un Adagio ou un andante) e un terceiro movemento rápido (normalmente, allegro, aínda que tamén aparece con indicacións de allegretto ou presto).[1] Polo que respecta á forma, os primeiros movementos sempre están compostos en forma bitemática tripartita ou forma sonata, o segundo movemento en forma sonata abreviada, mentres que o terceiro adoita ser un rondó.[1] Todos os concertos están escritos en tonalidades maiores, excepto dous: o n.º 20, en re menor, e o n.º 24, en dó menor. Os concertos presentan os seus segundos movementos na tonalidade da dominante, a excepción de sete: dous escritos en modo menor (números 20 e 24), nos que o segundo movemento está na tonalidade do VI, e outros cinco concertos, cuxos segundos movementos están escritos no relativo menor da tonalidade principal: o n.º 4 (KV 41), o n.º 9 (KV 271), o n.º 10 (KV 456), o n.º 22 (KV 482) e o n.º 23 (KV 488).[1]
Nos seus concertos para piano, Mozart exhibe unha enorme habilidade técnica e un dominio completo dos recursos que ofrece a orquestra, creando un amplo abano de afectos e emocións.[2][1] Os seus concertos presentan, en liñas xerais, un carácter improvisatorio e virtuosístico, sobre todo nos primeiros movementos, que explotan todas as posibilidades técnicas do piano da época.[2][1] Na actualidade, considérase que os concertos para piano de Mozart constitúen o cume do concerto clásico e son os máis influentes para a posterioridade.[1] Tres dos seus concertos para piano (números 20, 21 e 23) encóntranse entre as obras máis gravadas e coñecidas do repertorio clásico.[2]
A primeira edición completa dos concertos foi a de Richault de arredor de 1850. Dende aquela as partituras e os autógrafos teñen resultado alcanzables a través das publicacións de, entre outros, W. W. Norton, Eulenberg e Dover Publications.[3]