Composto químico
substancia química formada pola unión de dous ou máis elementos / From Wikipedia, the free encyclopedia
En química, un composto químico é unha substancia formada pola unión de dous ou máis elementos da táboa periódica, e que pode descompoñerse nestes por métodos químicos apropiados.[1]
Os compostos, do mesmo xeito que as mesturas, están constituídos por dous ou máis elementos químicos diferentes, pero diferéncianse esencialmente destas nos seguintes aspectos:
- Os compoñentes das mesturas poden separarse por medios físicos (filtración, decantación, destilación, ...), pero os constituíntes dos compostos, non.
- As mesturas teñen as propiedades dos seus compoñentes, pero os compostos posúen as súas propiedades específicas correspondentes.
- As mesturas poden existir en calquera proporción mentres que os compostos fórmanse a partir dos elementos químicos en proporción invariable (lei das proporcións definidas enunciada entre 1794 e 1804 polo químico francés Joseph Louis Proust).
- A formación ou descomposición dun composto químico vai sempre unida a un desprendemento ou absorción de calor, mentres que para unha mestura o efecto calorífico é nulo ou en todo caso, moi pequeno.[1]
Unha característica esencial é que ten unha fórmula química. Por exemplo, a auga é un composto formado por hidróxeno e osíxeno na razón de 2 a 1 (en número de átomos).
En xeral, esta razón fixa é debida a unha propiedade intrínseca. Un composto está formado por moléculas ou ións con enlaces estables e non obedece a unha selección humana arbitraria. Por este motivo o bronce ou o chocolate son denominadas mesturas ou aliaxes pero non compostos.
Os elementos dun composto non se poden separar por procesos físicos (decantación, filtración, destilación etcétera), senón só mediante procesos químicos.