Comisión da Enerxía Atómica dos Estados Unidos
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Comisión da Enerxía Atómica dos Estados Unidos (inglés: United States Atomic Energy Commission), tamén coñecida polas siglas AEC, foi unha axencia do goberno dos Estados Unidos establecida trala segunda guerra mundial polo Congreso dos Estados Unidos para fomentar e controlar o desenvolvemento da ciencia e tecnoloxía atómica.[1]:91–102 O presidente Harry S. Truman asinou a Acta de Enerxía Atómica/McMahon o 1 de agosto de 1946, transferindo o control da enerxía atómica dende o exército a mans civís, facéndose efectiva o 1 de xaneiro de 1947. Este cambio deulle ós membros da AEC o control completo das plantas, laboratorios, equipamento e persoal involucrado na produción da bomba atómica durante o Proxecto Manhattan.[2]
A AEC tivo un papel importante no desenvolvemento institucional da ecoloxía de ecosistemas, fornecendo recursos financeiros para a investigación ecolóxica.[3] Tamén forneceu unha serie de novas técnicas para as investigacións ecoloxistas. A finais dos anos 1950 e comezos dos anos 1960 a AEC aprobou financiamento para varios proxectos medioambientais nas rexións do Ártico, deseñados para avaliar os efectos da enerxía nuclear sobre o ambiente.[4]:22–25
Nos anos 1960 incrementáronse as críticas das regulacións da AEC, indicando que erean insuficientes en varias áreas, incluíndo os estándares de protección contra a radiación, a seguridade dos reactores nucleares e a protección ambiental. En 1974 o Congreso decidiu abolir a AEC por medio da Acta de Reorganización da Enerxía de 1974, que asignou as súas funcións a dúas novas axencias: a Administración de Investigación e Desenvolvemento da Enerxía dos Estados Unidos e a Comisión de Regulación Nuclear dos Estados Unidos.[5]