Colmado
cuberta vexetal de edificacións / From Wikipedia, the free encyclopedia
O colmado[1] (de colmo: palla escollida de centeo ou de trigo usada para cubertas, este do latín culmus, palla de centeo[2]) ou cuberta vexetal é unha cuberta feita de palla de centeo ou trigo que se usa nos palleiros e en certas construcións rústicas[3]. Tamén recibe os nomes de colma, colmazo e colmo.
Constrúense artesanalmente realizando unha cuberta con vexetación seca de diferentes especies vexetais dependendo o tipo, dispoñibilidade ou lugar do mundo, como colmo, palla, carrizas, xuncas, xuncos ou queiroas e colocándoas en camadas, de xeito que a auga se elimine lonxe da cuberta interna. Probabelmente sexa este o material máis antigo que se ten empregado nas cubrición das cubertas, usándose tanto en climas tropicais coma temperados. Algúns construtores de países en vías de desenvolvemento aínda empregan cubertas vexetais, construíndoas normalmente con vexetación da zona e de baixo custo. Pola contra, nalgúns países desenvolvidos (Alemaña, Reino Unido) existe unha demanda deste tipo de cuberta, por parte de cidadáns acomodados que queren dar ao seu fogar un ar rústico.
En Galicia aínda existen mostras de colmados en vivendas das montañas, o caso máis coñecido é o das pallozas, porén as cubertas vexetais foron habituais, especialmente en construcións auxiliares (cabazos, hórreos, alpendres etc) até hai poucos anos. Outra mostra galega do uso de colmados deuse nas vivendas circulares dos castros antes da introdución da tella (tellados) polos romanos. As vivendas circulares (coñecidas en inglés coma roundhouses) déronse en toda a Europa atlántica, posibelmente de orixe celta.