Caza de baleas
From Wikipedia, the free encyclopedia
A caza de baleas (tamén chamada ás veces pesca de baleas) consiste na obtención de recursos a partir de cetáceos, principalmente misticetos. O termo "balea" en sentido amplo e popularmente emprégase para referirse a calquera cetáceo de gran tamaño, incluso a odontocetos como o cachalote e mesmo ás veces a candorca, pero cómpre recordar que, en sentido estrito, resérvase aos misticetos non pertencentes ao xénero Balaenoptera (os rorcuais) e, moi especialmente, aos integrantes da familia dos balénidos.
Os primeiros rexistros desta actividade remóntanse polo menos ao 3000 a.C. Varias comunidades costeiras desde hai moito tempo cazaron e recolleron baleas varadas para a súa subsistencia. A caza industrial das baleas comezou no século XVII. A principios do século XX o uso da tecnoloxía e o aumento da demanda de recursos superaron o límite de sostibilidade das poboacións de baleas, causando un drástico descenso destas. Na década de 1930 matábanse máis de 50.000 baleas ao ano.[1]
En 1986 a Comisión Baleeira Internacional (CBI) prohibiu a caza comercial de baleas co fin de permitir que as poboacións de cetáceos puidesen recuperarse. Porén, permíteselle a certas comunidades continuar coa cacería de subsistencia, como parte da súa cultura. Por outra parte, o artigo VIII da Convención que regulamenta a caza de baleas permite a cacería con fins científicos.[2]