Cadea perpetua (filme)
filme de 1994 dirixido por Frank Darabont / From Wikipedia, the free encyclopedia
Cadea perpetua (en inglés: The Shawshank Redemption) é un filme estadounidense estreado en 1994, dirixido e escrito por Frank Darabont. É unha adaptación da novela de 1982 de Stephen King titulada Rita Hayworth and Shawshank Redemption. Narra a historia de Andy Dufresne (Tim Robbins), un banqueiro sentenciado a cadea perpetua na Penitenciaría Estatal de Shawshank polo asasinato da súa muller e do amante desta, malia declararse inocente do feito. Pasa 19 anos no cárcere, onde traba amizade con outro preso, o contrabandista Ellis Boyd "Red" Redding. Amais, convértese nunha peza instrumental dunha operación de lavado de cartos liderada polo alcaide Samuel Norton (Bob Gunton), a quen deixa a descuberto perante as autoridades tras fuxir da prisión. William Sadler, Clancy Brown, Gil Bellows, e James Whitmore son outros dos actores principais do filme.
Cadea perpetua | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | The Shawshank Redemption |
Director | Frank Darabont |
Produtor | Niki Marvin |
Guión | Frank Darabont |
Baseado en | Rita Hayworth and Shawshank Redemption de Stephen King |
Intérpretes |
|
Música | Thomas Newman |
Fotografía | Roger Deakins |
Montaxe | Richard Francis-Bruce |
Estudio | Castle Rock Entertainment |
Distribuidora | Columbia Pictures (USA) Rank Organisation (RU) Warner Bros. Pictures (internacional) |
Estrea | (Toronto) 10 de setembro de 1994 23 de setembro de 1994 2 de xuño de 2021 (TVG) |
Duración | 142 minutos |
Orixe | Estados Unidos |
Xénero | Drama |
Orzamento | 25 millóns de dólares[1] |
Recadación | 58,3 millóns de dólares[2] |
Na rede | |
http://www.shawshankredemption.org/ | |
Darabont adquiriu os dereitos da historia de Stephen King en 1987, mais o desenvolvemento do filme non comezou ata cinco anos despois cando escribiu o guión do mesmo nun período de oito semanas. Dúas semanas despois de enviarlle o guión ó estudio de Castle Rock Entertainment, Darabont conseguiu un orzamento de 25 millóns de dólares para o filme, que comezou a súa preprodución en xaneiro de 1993. Malia que o filme está ambientado en Maine, a rodaxe principal tivo lugar entre xuño e agosto de 1993 case na súa totalidade en Mansfield, Ohio, co Reformatorio Estatal de Ohio como localización para o cárcere ficticio de Shawshank. A banda sonora do filme é obra de Thomas Newman.
Malia recibir críticas positivas trala súa estrea, en particular pola súa historia e polas actuacións de Robbins e Freeman, o filme non foi un éxito de recadación nos cinemas, con só uns 16 millóns de dólares mentres estivo nos cinemas. Daquela citáronse varios motivos para explicar este feito. Entre outros, alegábase a competición de filmes de éxito comercial como Pulp Fiction e Forrest Gump, a pouca popularidade dos filmes de temática penitenciaria, a falta de personaxes femininas e incluso o propio título do filme, xa que se consideraba confuso para a audiencia. Porén, o filme recibiu múltiples nomeamentos para varios premios, incluíndo sete nomeamentos ós Premios Óscar. Tras isto o filme reestreouse nos cinemas estadounidenses, o que fixo que en combinación cos ingresos internacionais a recadación do filme acadase finalmente os 58,3 millóns de dólares.
Nos Estados Unidos distribuíronse máis de 320.000 copias en VHS do filme, e grazas ós nomeamentos recibidos e ó boca a boca converteuse nun dos filmes máis alugados de 1995 no país. Turner Broadcasting System obtivo os dereitos de emisión do filme tras adquirir a produtora Castle Rock, co que se emitiu decote dende 1997 na canle TNT. Isto axudou a incrementar a súa popularidade, e a crítica considérao un dos mellores filmes da década de 1990. En 2015 a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos seleccionou o filme para a súa preservación no National Film Registry pola súa "importancia cultural, histórica ou estética".