Bóveda de crucería
From Wikipedia, the free encyclopedia
A bóveda de cruzaría[1] ou bóveda de crucería, tamén chamada bóveda nervada, é un tipo de bóveda característica da arquitectura gótica que recibe este nome porque está conformada polo cruzamento, ou intersección, de dúas bóvedas de canón apuntado. A diferenza da bóveda de aresta, a de cruzaría caracterízase por estar reforzada por dúas ou máis nervios diagonais que se cruzan na clave, xeralmente. A bóveda de cruzaría considérase un dos tres elementos distintivos da arquitectura gótica, xunto co arco apuntado e o arcobotante.
A bóveda de cruzaría consta de dous elementos: os arcos que constitúen o seu armazón, ou esqueleto, e os panos ou plementos que cobren os espazos intermedios entre os arcos. Primeiro érguense os arcos, creando unha estrutura esvelta, resistente e lixeira, e posteriormente énchense os panos intermedios conformando as bóvedas, ficando enmarcadas transversalmente polos arcos perpiaños, tamén chamados arcos faixóns, e lonxitudinalmente polos arcos formeiros, paralelos ao eixo da nave que delimitan os tramos da bóveda.