Bugallo
reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos véspidos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os bugallos ou bugallas,[1] tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidios[2], son unha reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos.
A definición anterior sería, realmente, aplicable só ós bugallos máis comúns e coñecidos, pero cómpre advertir que non sempre son producidos por avespas senón que en ocasións se deben a outros insectos; que non se presentan só nos carballos senón que outras moitas plantas, arbóreas ou non, poden sufrir esta parasitación; e que a causa non sempre é a resposta a unha posta de ovos, senón que poden deberse a un ataque do insecto en busca de alimentos.
En calquera caso, trátase sempre dunha reacción defensiva da planta que dá lugar a unha estrutura anormal dos tecidos vexetais (o que a diferencia da resposta a insectos fitófagos e escavadores). Nesa neoformación, a larva do insecto indutor atopará alimento e protección fronte ós seus inimigos naturais.
A forma que usualmente adopta o bugallo é esférica, coa superficie lisa ou cunha coroa de picos[3], pero noutros casos, en función do insecto indutor e da especie vexetal parasitada, os bugallos poden ter formas lenticulares, estreladas, de corno, ou ser totalmente amorfas.
Calquera parte da planta (talos, gromos, follas, flores, froitos ou mesmo raíces) é susceptible de ser atacada polo insecto.
O descubrimento da causa destas formacións vexetais, coñecidas e descritas desde a antigüidade romana, foi realizado por Malpighi no século XVII e non foi ata finais do XIX cando se coñeceu o mecanismo completo de formación do bugallo como consecuencia da acción da larva dun insecto.