Bosque temperado caducifolio
bioma / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un bosque caducifolio[1] ou foresta caducifolia é un tipo de bosque tépedo que pode atoparse en gran parte de Europa, na zona leste e oeste dos Estados Unidos, así coma no Canadá, en Chile, na China, no Xapón, na Corea e na Rusia europea.[2] Este tipo de bosque componse de árbores caducifolias que perden as follas todos os anos pola tempada invernal fría e seca e renóvanse para a tempada cálida e chuviosa propia do clima continental húmido, como é o caso dos bosques de carballos, pradairos, faias e ulmeiros. Forma parte do bioma denominado bosque temperado de frondosas.
Pola contra, na Europa Occidental o bosque caducifolio é a biocenose propia do clima marítimo, onde se encadraría a vexetación propia de Galiza. Predominan as especies que perden a folla polo outono e o inverno. Atópase entre os 35° e os 55° de latitude nas fachadas occidentais, e nas fachadas orientais atópase entre 35° e os 45°. Ten un réxime térmico moderado, con temperaturas medias mensuais sempre por riba dos 0 °C, e un réxime pluviométrico abundante e ben distribuído ao longo do ano, no que non adoita haber aridez en ningún mes (agás a seca estival propia do sur de Galiza), co que a humidade para as plantas está garantida. De feito, as plantas teñen que facer fronte ao fenómeno contrario: un exceso de auga que chega ao chan e o solo non é quen de absorber e chega a alagar as zonas baixas. Presenta catro estacións ben definidas: primavera, verán, outono e inverno, cunha actividade biolóxica diferenciada en cada unha delas. O claro exemplo destas formación é a fraga. Tamén estarían neste grupo as carballeiras,soutos, faiais, formacións de pradairos, ulmeiros e bosques de ribeira (amieirais).