Biota de Jehol
From Wikipedia, the free encyclopedia
Denomínase biota de Jehol aos organismos que habitaron os ecosistemas do nordés da China, na provincia de Liaoning e arredores, hai 131-120 millóns de anos (Cretáceo inferior), e cuxos fósiles se atopan nas formacións de Dabeigou, Yixian e Jiufotang (grupo Jehol).[1] Recuperáronse restos fósiles de máis de 60 especies de plantas, máis de mil de invertebrados e unhas 70 especies de vertebrados.[2] O estudo desta fauna é importante, xa que proporciona un material fósil moi interesante para tentar dilucidar aspectos sobre a evolución de distintos taxóns (anfibios, aves, anxiospermas...), a orixe das plumas e do voo aviano, ou a coevolución de insectos polinizadores e as plantas con flores.[3]
O ambiente de Jehol no Cretáceo caracterizábase pola presenza dunha grande actividade tectónica, un vulcanismo intenso con erupcións frecuentes, un aumento da temperatura e cambios na paleoxeografía da zona.[4] Crese que este ambiente cambiante puido acelerar a selección natural, e con iso a especiación.