Batalla de Xerusalén de 1917
From Wikipedia, the free encyclopedia
A batalla de Xerusalén, tamén coñecida como Operacións de Xerusalén, foi un conxunto de enfrontamentos entre o Imperio británico e o Imperio Otomán, durante a campaña homónima. A loita desenvolveuse desde o 17 de novembro ata o 30 de decembro de 1917, cando a cidade se rendeu. Xerusalén era o obxectivo final da ofensiva do sur de Palestina, durante a campaña do Sinaí, na primeira guerra mundial. Nas operacións, os británicos obtiveron a vitoria en dous enfrontamentos nos montes de Xudea, ao norte e ao leste da liña Hebrón-Junction Station. Estas foron a batalla de Nebi Samwill (17-24 de novembro) e a defensa de Xerusalén (26-30 de decembro). Tamén tivo lugar con éxito o segundo intento de avance a través do Nahr el-Auja (21-22 de decembro), como na batalla de Iafa, aínda que esa cidade xa fora ocupada como consecuencia da batalla de Mughar Ridge o 16 de novembro de 1917.[1]
Batalla de Xerusalén de 1917 | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Parte de Primeira guerra mundial Fronte de Oriente Medio | |||||||
O xeneral Edmund Allenby entrando en Xerusalén (11 de decembro de 1917) | |||||||
| |||||||
Belixerantes | |||||||
Imperio británico * Reino Unido * Australia * Nova Zelandia * India británica |
Imperio alemán Imperio Otomán | ||||||
Líderes | |||||||
Edmund Allenby Edward Bulfin Philip Chetwode Harry Chauvel |
Erich von Falkenhayn Friedrich Kress von Kressenstein Djevad Pasha Ali Fuad Pasha | ||||||
Baixas | |||||||
18 000 | 25 000 |
Esta serie de enfrontamentos sucedéronse entre as forzas británicas do XX Corpo, o XXI Corpo e o Corpo Montado do Deserto en contra do Grupo de Exércitos Yildirim ou Sétimo Exército nos montes de Xudea e o Oitavo exército ao norte de Iafa, ao longo da costa mediterránea. A derrota otomá en Iafa e Xerusalén, así como a perda de 80 quilómetros de terreo durante o avance da Forza Expedicionaria Exipcia cara Gaza, coa ocupación de Beerseba, Gaza, Hareira e Sheria, Tel el Khuweilfe e a batalla de Mughar Ridge, constituíron un grave revés para o Imperio Otomán.[2]
Como resultado destas vitorias, as forzas do Imperio británico capturaron Xerusalén e estableceron unha nova liña fortificada, cunha posición estratéxica. Esta liña ía desde o norte de Iafa na chaira marítima, a través dos montes de Xudea cara a Bireh, ao norte de Xerusalén e seguía cara ao leste do monte das Oliveiras. Coa captura da estrada de Beerseba a Xerusalén a través de Hebrón e Belén, xunto a un territorio otomán substancial ao sur de Xerusalén, o dominio da cidade quedou asegurado. O 11 de decembro, o xeneral Edmund Allenby entrou humildemente na cidade vella a través da porta de Iafa a pé, en lugar de a cabalo ou en vehículos, como unha forma de mostrar respecto á cidade santa. Foi o primeiro cristián en moitos séculos que tivo o control de Xerusalén, lugar de grande importancia para as tres grandes relixións monoteístas. O primeiro ministro do Reino Unido, David Lloyd George, describiu a captura como «un agasallo de Nadal para o pobo británico». A batalla supuxo unha grande inxección de moral para o Imperio británico.[3]