Barroco siciliano
From Wikipedia, the free encyclopedia
O barroco siciliano é a forma distintiva da arquitectura barroca que se desenvolveu na illa de Sicilia, no sur de Italia, durante os séculos XVII e XVIII. O estilo recoñécese non só polas súas típicas revoltas e florituras barrocas, senón tamén polas súas carautas sorrintes e putti, coa particular extravagancia que lle deu a Sicilia unha identidade arquitectónica única e que o fai a fase máis interesante da arte siciliana.[1]
O estilo barroco siciliano colleu pulo durante a gran reconstrución que seguiu ó terremoto de 1693. Previamente, o barroco fora usado na illa dun xeito inxenuo e no eido local, que evolucionara a partir da arquitectura híbrida nativa máis ca dos grandes arquitectos barrocos de Roma. Despois do terremoto, os arquitectos locais, moitos deles formados en Roma, tiveron múltiples oportunidades de recrear a arquitectura barroca máis sofisticada, que acadara popularidade na Italia continental. O traballo destes arquitectos locais —e o novo xénero que comezaron— inspirou a outros deseñadores locais que seguiron o seu exemplo. A carón do 1730, os arquitectos sicilianos desenvolveran confianza no emprego do estilo barroco. A súa particular interpretación levounos paseniño a xerar unha forma de arte altamente localista e personalizada. De 1780 en diante, o estilo foi gradualmente substituído pola nova moda do neoclasicismo.
O fenómeno chamado Alto Barroco Siciliano durou cincuenta anos, e reflectiu perfectamente a orde social da illa nunha época na que —dominada oficialmente por España— foi gobernada de facto por unha aristocracia hedonista e extravagante. A arquitectura barroca deulle á illa un carácter arquitectónico que ficou até a actualidade.