Asasino en serie
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un asasino en serie é polo xeral unha persoa que asasina tres ou máis persoas,[1] frecuentemente ó servizo dunha gratificación psicolóxica anormal e producíndose os asasinatos durante máis dun mes cun descanso importante (un "período de arrefriamento") entre eles.[1] Diferentes autoridades aplican diferentes criterios na definición dos asasinos en serie;[2] mentres que moitos estabelecen un limiar de tres asasinatos,[1] outros esténdeno a catro e outros redúceno a dous.[2] O Federal Bureau of Investigation (FBI), por exemplo, define un asasinato en serie como "unha serie de dous ou máis asasinatos, cometidos en eventos separados, normalmente pero non sempre, por un delincuente actuando só".[3][4]
Malia que a gratificación psicolóxica adoita ser o motivo para os asasinatos en serie, e a maioría dos asasinos en serie teñen contactos sexuais coas súas vítimas,[5] o FBI estabelece que os motivos dos asasinatos en serie poden incluír a rabia, a busca de emoción, a ganancia financeira e a chamada de atención.[4] Os asasinatos poden ser tentados ou completados de xeito similar, e as vítimas poden ter trazos en común: idade, aparencia, xénero ou raza, por exemplo.[6]
O asasinato en serie non é o mesmo que o asasinato masivo (que consiste en matar numerosas persoas nun mesmo incidente); tampouco é asasinato itinerante (na que se cometen asasinatos en dous ou máis lugares, nun curto espazo de tempo). Porén, os casos de asasinatos itinarantes prolongados de xeito secuencial durante períodos de semanas ou meses sen aparente "período de arrefriamento" ou "regreso á normalidade" fixeron que algúns expertos suxerisen unha categoría híbrida de "asasino en serie itinerante".[7]