Arte hispanomusulmá
From Wikipedia, the free encyclopedia
A arte islámica desenvolveuse en Al-Andalus (a Hispania musulmá) entre os séculos VIII e XV. Dada a limitación polo aniconismo islámico (a non representación icónica) que afecta á escultura e a pintura (a pesar da cal hai algúns exemplos), a súa manifestación principal foi a arquitectura andalusí ou hispano-musulmá. Aínda que as artes suntuarias (ou artes decorativas ou artes menores –cerámica andalusí, eboraria de figuras en marfil, ourivaría, téxtil...) tiveron un gran desenvolvemento.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2021.) |
Os monumentos máis importantes que chegaron até nós son a Mesquita de Córdoba e a Alhambra de Granada. A mesquita construíuse aproveitando materiais antigos sobre un templo previo e incorporando o dobre arco de ferradura como solución fronte ao atirantado. Está orientada a sur-sueste e non á Meca xa que se axusta a límites tardo-romanos preexistentes. A Alhambra é o palacio real nazarí, e á vez unha alcazaba (castelo).
Moi vinculados á arte andalusí están dous estilos artísticos da Idade Media da Península Ibérica: a arte mozárabe (dos cristiáns baixo dominio musulmán, ou emigrados desde Al-Andalus aos reinos cristiáns do norte, onde influíron no prerrománico local) e a arte mudéxar (dos musulmáns baixo dominio cristián, moitos especializados en artesanías da construción –albaneis, carpinteiros, aplicadores de estuco...–, que caracterizou estilos híbridos denominados románico-mudéxar e gótico-mudéxar, e deixou influencia en estilos de transición ao renacemento hispánico –hispanoflamengo, plateresco, isabelino...).
No Reino de Galicia, a presenza musulmá foi moi escasa, tanto que as diversas fontes musulmás chamaban á parte da Península que non era Al-Andalus cos nomes Djalikiyah, Al-Yalalika ou Jalikiya (Galicia/Gallaecia) ou ardhu al-Jalalkah (terra dos galegos).[1][2]
As mostras de arquitectura influenciadas pola arte andalusí son por tanto moi escasas no país galego. Se ben hai quen cita a capela prerrománica de San Miguel, erguida por San Rosendo de Celanova como arte mozárabe, a profesora Barral Ribadulla da USC di que se debe chamar de "arte de repoboación, ou mostra de arte do século X".[3] A igrexa de San Francisco de Lugo, de estilo gótico, agora chamada de San Pedro, ten influencias mudéxares no revestimento dos paneis e na cúpula.
A invasión musulmá da Península Ibérica significou no ámbito artístico e cultural un cambio de orientación dos modelos, pero tamén un sincretismo do que a civilización árabe é característica; destacadamente, a reutilización de elementos de igrexas visigodas que se transformaron en mesquitas, o que implicou a adopción e transformación do arco de ferradura.
Até 1492, cando desaparece o reino nazarí de Granada, en Al-Ándalus mantivéronse unhas condicións culturais peculiares que o diferenciaron tanto do islam oriental como da arte europea. Ao mesmo tempo esta singularidade xeográfica e cultural repercutiu no decorrer da Baixa Idade Media que seguiu á caída do Imperio Romano de Occidente. A conquista musulmá non supuxo a extinción das comunidades cristiás e xudías. Uns fuxiron ao norte e algúns deles opuxéronse ao novo poder instituído en Córdoba, outros convertéronse coma os Banu Qasi, e os cristiáns que permaneceron en territorio musulmán pasaron a ser coñecidos co apelativo de mozárabes. Tanto esta minoría como a xudía gozaron dalgún grao de protección conformando comunidades numerosas en cidades como Mérida, Toledo, Valencia, Córdoba, Sevilla, Almería, Málaga, etc. aínda que houbo episodios coma o pogromo de Granada de 1066.