Angkor Wat
templo hindú / From Wikipedia, the free encyclopedia
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída,[1] e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo. Consonte o Libro Guinness dos Récords é o meirande sitio relixioso do mundo.[2] É o lugar do país máis visitado polos turistas anualmente, cuns 800 000 visitantes por ano.[3] Foi fundado orixinalmente como templo hindú para o Imperio Khmer, mais gradualmente transformado nun templo budista cara ao final do século XII.[4]
Angkor Wat | |
---|---|
Angkor Wat | |
Patrimonio da Humanidade - UNESCO | |
País | Camboxa |
Localización | Angkor, Siem Reap |
Tipo | Cultural |
Criterios | i, ii, iii, iv |
Inscrición | 1992 (XVI sesión) |
Rexión da UNESCO | Asia e Pacífico |
Identificador | 668 |
Este artigo amosa escritos khmer. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros. |
Situado a 5,5 km ao norte da actual Siem Reap, na provincia homónima de Camboxa, Angkor Wat forma parte do complexo de templos construídos na zona de Angkor, a antiga capital do Imperio Khmer durante a súa época de esplendor, entre os séculos IX e XV. Angkor abrangue unha extensión en torno a 200 km², aínda que recentes investigación falan dunha posible extensión de 3 000 km² e unha poboación de ata medio millón de habitantes.[5] O templo ten a forma dun rectángulo, cunha lonxitude aproximada de 1,5 km de oeste a leste e 1,3 km de norte a sur. No interior do foso que circunda completamente o muro perimetral de 3,6 km hai tres galerías rectangulares, construídas unha sobre outra. No centro do templo levántanse cinco torres. Angkor Wat contén dúas principais características da arquitectura camboxana: o templo outeiro que se ergue no interior dun foxo e que simboliza o Meru (a montaña dos deuses na relixión hindú, de feito o templo está consagrado a Vishnu),[6] e os sucesivos templos de galería.
Dende a súa construción a principios do século XII e ata o traslado da sede real ao próximo Bayon, a finais do mesmo século, Angkor Wat foi o centro político e relixioso do imperio. O recinto —entre cuxos muros calculouse que vivían 20 000 persoas—,[7] cumpría as funcións de templo principal, e albergaba ademais o palacio real. Outras hipóteses apuntan a que tamén serviu de mausoleo, un lugar onde o rei podería ser venerado despois da morte,[8] xa que a entrada principal está situada no oeste, como nos templos funerarios hindús.[9]
O templo consta de tres recintos rectangulares concéntricos de altura crecente, rodeados por un lago perimetral de 3,6 km de lonxitude e dunha anchura de 200 m. No recinto interior érguense cinco torres en forma de loto, acadando a torre central unha altura de 42 m sobre o santuario,[10] e 65 m sobre o nivel do chan.[11]
Angkor Wat converteuse nun símbolo de Camboxa, ata o punto de figurar na bandeira do país.[12] O 14 de decembro de 1992 foi declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade.[13]