Xuízo de Scopes
From Wikipedia, the free encyclopedia
O xuízo de Scopes ou caso de o Estado de Tennessee contra John Thomas Scopes ou Tennessee contra Scopes ou, informalmente, o xuízo do mono (Scopes Monkey Trial), foi un famoso caso xudicial celebrado en Tennessee, Estados Unidos en 1925, no cal un profesor substituto de instituto chamado John Scopes foi acusado de violar a Lei Butler do estado de Tennessee, que prohibía a ensinanza da evolución humana en todas as escolas financiadas polo estado.[1] O proceso foi deliberadamente montado para dar publicidade á pequena vila de Dayton, Tennessee, onde se celebrou, e chamar a atención sobre a prohibición da ensinanza da evolución nas escolas. Scopes incriminouse a si mesmo á mantenta para que ese asunto puidese ser defendido.
No xuízo, Scopes foi considerado culpable e multado con 100 dólares, pero máis tarde a multa foi anulada aducindo un tecnicismo legal. O proceso deulle unha gran publicidade nacional a Dayton, xa que reporteiros de todo o país acudiron en multitude alí para cubrir a actuación dos avogados de gran sona que representaban a cada parte. William Jennings Bryan, tres veces candidato á presidencia, actuou como fiscal, e Clarence Darrow, un famoso avogado defensor, defendeu a Scopes. O proceso puxo de relevo a controversia fundamentalismo-modernismo, na que os cristiáns modernistas, que dicían que a evolución non era incompatible coa relixión,[2] se opoñían aos fundamentalistas, que dicían que a palabra de Deus revelada na Biblia tiña prioridade sobre calquera coñecemento humano. O caso foi visto tanto como unha disputa teolóxica coma un proceso sobre se debería ensinarse a ciencia moderna nas escolas. Sobre o caso de Scopes fixéronse obras de teatro, películas de cine e televisión e libros.