Xilin neozelandés
antiga moeda neozelandesa / From Wikipedia, the free encyclopedia
O xilin neozelandés foi unha moeda cuñada por primeira vez en 1933, xunto co resto da serie de prata da libra neozelandesa, e que se mantivo ata 1965. A moeda creouse por mor da escaseza de moedas de prata británicas comparables logo da desvaloración da libra neozelandesa con respecto á libra esterlina. O seu tamaño é lixeiramente maior ca o do xilin británico; tiña un valor de doce peniques, equivalente a medio florín ou a dous quintos da media coroa.
Xilin neozelandés
Xurxo V (1933-1936)[1] | |
---|---|
A/: Busto coroado de Xurxo V cara á esquerda, con lenda arredor.
Lendas: GEORGE V KING EMPEROR |
R/: Guerreiro maorí agachado sostén unha lanza. Lenda, valor facial, data e marca de gravador (KG).
Lendas: NEW ZEALAND / ONE SHILLING |
Os primeiros deseños de Percy Metcalfe, que representaban un kiwi e ferramentas maorís cruzadas, foron rexeitados pola Royal Mint. Un deseño alternativo, tamén cun kiwi, proposto por George Kruger Gray entrou na fase de cuñaxe de probas, mais finalmente foi descartado polo primeiro ministro de Nova Zelandia en funcións, Gordon Coates, en favor dun deseño que representaba un home maorí, o cal foi apoiado por varios políticos desta etnia. A moeda lanzouse, xa que logo, coa figura dun guerreiro maorí semiespido, agachado sobre as rochas e sostendo un taiaha, e o acollemento inicial por parte da poboación foi bo, aída que con certas críticas.
O xilin neozelandés cuñouse nunha aliaxe do 50 % de prata ata que, en 1947, a suba dos prezos deste metal logo da segunda guerra mundial provocou o seu cambio ao cuproníquel. Emitiuse con relativa regularidade ata 1965, ano en que deixou de cuñarse tras a decimalización do sistema monetario e a adopción do dólar neozelandés.