Vello Oeste
From Wikipedia, the free encyclopedia
Vello Oeste, Oeste salvaxe ou Oeste americano[1] (en inglés Old West, Wild West ou Far west), son as expresións con que se denomina popularmente o período e os episodios históricos que tiveron lugar no século XIX (principalmente entre os anos 1860 e 1890) e no inicio do século XX (principalmente na década de 1910) durante a expansión da fronteira dos Estados Unidos cara á costa do océano Pacífico. Aínda que a colonización do territorio comezou no século XVI coa chegada dos europeos, o obxectivo de alcanzar a costa oeste debeuse principalmente á iniciativa gobernamental do presidente Thomas Jefferson, despois da compra de Luisiana en 1803. A expansión da fronteira foi considerada como unha oportunidade de riqueza e progreso.
Esta incesante e prolongada migración de persoas cara ao oeste deslocou culturas ancestrais e oprimiu minorías étnicas de amerindios. En contraste, o período suscitou importantes avances na industria, as comunicacións e a agricultura, á custa en varios casos dunha intensa exploración dos recursos humanos e naturais.
Estes eventos históricos, orixe dun mito nacional nos Estados Unidos, foron recreados por diversas manifestacións da arte. No cinema, o xénero desígnase western e narra historias de cowboys, pioneiros, amerindios, garimpeiros, empresarios etc. Historias de persoas variadas, condicións que emprenderon a aventura do oeste coa esperanza de acadar o éxito persoal mais que acabaron moitas veces confrontados coa xustiza ou coa fatalidade do destino. Os estudos actuais consideran que tras esta mistificación se agocha unha realidade complexa e que existe a tendencia de reconsiderar o papel de todos os que participaron naquela conxuntura social, económica e cultural que foi a fronteira dos Estados Unidos no século XIX.