Vándalos
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os vándalos foron un pobo de Europa central, un dos pobos indoeuropeos da familia xermánica que habitaban as rexións ribeiregas do Báltico (na zona das actuais Alemaña e Polonia). Os lugiones ou vándalos ocupaban o territorio ao oeste do Vístula e xunto ao Oder, ata o norte de Bohemia. A palabra vándalo parece ter un dobre significado e querería dicir «os que cambian» e «os hábiles», mentres que o seu outro nome, lugii ou lugiones, tamén con dobre significado, querería dicir «mentireiros» e «confederados».
Parece ser que nun principio as tribos dos vandulii (ou vandali) e a dos lugii (ou lugiones), xunto coas dos silingos, omanos, buros, varinos (seguramente chamados tamén auarinos), didunos, helvecones, arios ou charinos, manimios (talvez denominación variante de omanos), elisios e naharvales correspondían a pequenos grupos de orixe similar (aínda que non está claro que todas as citadas fosen da mesma orixe), integrando outra rama do grupo dos hermiones (unha rama do cal eran os suevos e tribos afíns), formándose despois un gran grupo identificado xeralmente como lugiones, cuxo nome predominaba para designar a todos os pobos compoñentes, incluídos os vándalos. Máis tarde (século II) acabou prevalecendo o nome de vándalos para o conxunto de pobos. Tamén pobos celtas, como os osen ou osos e os cotinos, entraron na agrupación dos lugiones.