Unión del Pueblo Leonés
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unión del Pueblo Leonés é un partido político español de carácter leonesista que arela conseguir que León, Zamora e máis Salamanca (provincias correspondentes co antigo Reino de León e integrantes do denominado País Leonés, que constituíu unha rexión de seu trala división territorial de 1833) formen unha comunidade autónoma propia.
Unión del Pueblo Leonés (UPL) | |
---|---|
Partido político do País Leonés | |
Dirixentes e organización | |
Líder | Javier Chamorro (Presidente) Melchor Moreno (Secretario Xeral) |
Historia | |
Fundación | 1986 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Leonesismo |
Outros datos | |
Na rede | |
www.upl.es/ | |
O xerme naceu coa Unión Leonesista (UNLE), organización política creada no ano 1986 por un grupo de persoas procedentes de movementos leonesistas e de partidos políticos estatais (AP, UCD, PSOE ou o PSP), que crían que a integración da rexión de León na comunidade de Castela e León suporía a fin do Antigo Reino.
A unión da UNLE con outros seis grupos leonesistas, en febreiro do 1991, orixinou a nacemento oficial da UPL, so o liderado de José María Rodríguez de Francisco, até entón concelleiro independente no Concello de León.
No 2003, a Unión del Pueblo Leonés atinxiu un aumento en votos e concelleiros, mais reduciu a súa representación na corporación da cidade de León, que gobernara en coalición co Partido Popular. A UPL pasou naquela altura a apoiar nese concello ao Partido Socialista Obrero Español, en prexuízo do Partido Popular, encabezado por Mario Amilivia.
Outramente presentouse, por vez primeira, na provincia de Zamora, obtendo o goberno en cinco concellos con maioría absoluta, e mesmo o doutros, mercé o apoio doutras formacións; o balance total foi de máis de 50 concelleiros elixidos de UPL, o que o converteu na terceira forza desa provincia.
Porén, a posibilidade de ter en España un presidente de goberno leonés, o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, afectou o electorado leonesista, polo que nas eleccións xerais do 14 de marzo de 2004, o partido acadou uns resultados modestos.
Con todo, a UPL conta con cerca de catro mil afiliados, e espallouse noutras provincias, que contan na actualidade con comité propio, así en Zamora, Salamanca e Madrid.
En xuño de 2006, sendo secretario Abel Pardo Fernández, asinouse en Salamanca un acordo co partido Unión del Pueblo Salmantino e mais a organización de mocidade Conceyu Xoven, para presentarse conxuntamente nas eleccións municipais de 2007, polo que por primeira vez na súa historia terá candidaturas en tódalas provincias do País Leonés.