Unión de Lublin
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Unión de Lublin (en lituano: Liublino unija; en ucraíno: Лю́блінська у́нія; en belaruso: Лю́блінская ву́нія; en polaco: Unia lubelska) substituíu a unión persoal da Coroa do Reino de Polonia e do Gran Ducado de Lituania cunha unión real e cunha monarquía electiva, dado que Sexismundo II, o derradeiro descendente da Dinastía Xogalia, non tivo descendencia tras tres casamentos. Ademais, a autonomía do Reino de Prusia foi en gran parte abandonada.
Foi asinada o 1 de xullo de 1569 en Lublin (Polonia) e creou un único Estado, a República das Dúas Nacións. Esta República foi gobernada por un só monarca electo quen cumpría os deberes de Rei de Polonia e de Gran Duque de Lituania e que gobernaba cun Senado común e un parlamento (o Sejm). A Unión foi unha fase evolutiva na alianza polaco-lituana e unión persoal, necesitada tamén pola posición perigosa de Lituania nas guerras con Rusia.[1][2][3]
Aínda que constituíu un evento crucial na historia de varias nacións, a Unión de Lublin foi vista de xeito bastante disímil polos historiadores. Así, os historiadores polacos concéntranse nos seus aspectos positivos, enfatizando a súa creación pacífica e voluntaria, tanto coma no seu rol no espallamento da cultura polaca; mentres que os historiadores lituanos son máis críticos coa Unión ao sinalar que estivo dominada por Polonia.