Táboa periódica dos elementos
exposición tabular dos elementos químicos / From Wikipedia, the free encyclopedia
A táboa periódica dos elementos é unha disposición en formato de táboa dos elementos químicos, ordenados polo seu número atómico, configuración electrónica e propiedades químicas recorrentes. Esta ordenación presenta unhas tendencias periódicas, como por exemplo a presenza de elementos semellantes na mesma columna. Presenta tamén catro bloques con propiedades químicas semellantes. As filas da táboa denomínanse períodos, mentres que as columnas chámanse grupos. Seis destes grupos teñen nomes xeralmente aceptados ademais de números; por exemplo, os elementos do grupo 17 son os halóxenos e os do grupo 18 os gases nobres. A táboa periódica pode utilizarse para derivar relacións entre as propiedades dos elementos e predicir as propiedades de novos elementos aínda non descubertos ou obtidos de maneira sintética. A táboa fornece un marco de traballo útil para a análise dos comportamentos químicos, e o seu uso é estendido dentro da química e outras ciencias.
O químico ruso Dmitri Mendeleiev publicou a primeira táboa periódica notable no ano 1869. Mendeleiev desenvolveu esta táboa para ilustrar tendencias periódicas nas propiedades dos elementos que se coñecían ata entón. Tamén predixo algunhas propiedades de elementos aínda non coñecidos naquel entón que encherían os ocos na súa táboa, e a maioría destas predicións resultaron ser correctas cando se descubriron posteriormente os elementos en cuestión. A táboa periódica de Mendeleiev foise expandindo e refinando a medida que se foron descubrindo novos elementos e se desenvolveron novos modelos teóricos para explicar os comportamentos químicos.
Tódolos elementos dende o número atómico 1 (hidróxeno) ata o 118 (oganesson) foron descubertos ou obtidos sinteticamente, os últimos catro deles (nihonio, moscovio, ténnesso e oganesson) confirmados pola Unión Internacional de Química Pura e Aplicada (IUPAC) no ano 2015 e nomeados oficialmente en 2016, completándose con estes as primeiras sete filas da táboa periódica. Os primeiros 94 elementos existen de forma natural, malia que algúns deles só se atopan en cantidades moi pequenas de forma natural e foron obtidos de maneira sintética en laboratorios antes de ser descubertos na natureza. Os elementos de número atómico dende o 95 ata o 118 só foron obtidos sinteticamente en laboratorios ou reactores nucleares.