Transición á democracia en Chile
From Wikipedia, the free encyclopedia
A transición á democracia, tamén chamada retorno á democracia, transición democrática ou regreso ao sistema democrático, refírese ao período histórico de restabelecemento democrático de Chile logo da ditadura militar liderada polo xeneral Augusto Pinochet,[1] a cal comezou en 1973 co golpe de estado que derrocou o goberno do presidente Salvador Allende, e rematou en 1990, logo dun plebiscito e unha elección presidencial tras as cales as Forzas Armadas tiveron que traspasar o poder executivo ao presidente Patricio Aylwin, elixido democraticamente. Aínda non existe consenso entre os historiadores sobre se este período continúa até o presente ou se xa rematou. A súa visión máis acoutada refírese ao período entre 1988 e 1990, que inclúe o devandito plebiscito de 1988, a elección presidencial de 1989 e o cambio de mando. Outras versións esténdense no tempo, abranguendo outros fitos importantes, tales como o arresto de Augusto Pinochet en Londres, a reforma á constitución de 1980 durante o goberno de Ricardo Lagos, a remuda na coalición de goberno entre a Concertación e o primeiro goberno de Sebastián Piñera, o fin do sistema binominal, o plebiscito nacional de Chile de 2020, e a elección e posterior estabelecemento da Convención Constitucional en 2021.