Teoría do floxisto
From Wikipedia, the free encyclopedia
A teoría do floxisto é unha teoría científica xa superada, cuxo postulado principal é a existencia dun elemento tipo lume chamado floxisto, que estaría contido dentro de corpos combustíbeis e que se liberaría durante a combustión. O nome provén do grego antigo φλογιστόν phlogistón (queimado), desde φλόξ phlox (chama), e significa inflamábel. En 1667, Johann Joachim Becher fixo unha primeira aproximación ao concepto, que foi desenvolvido polo químico e médico alemán Georg Ernst Stahl en 1703. Segundo Stahl, os corpos combustíbeis posuirían un material chamado floxisto, que se liberaría ao aire durante os procesos de combustión (material orgánico) ou calcinación (metais). A teoría intentou explicar procesos como a combustión e oxidación.