Tabánidos
familia de insectos dípteros / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os tabánidos[2] (Tabanidae), comunmente chamados tabáns,[3] son unha familia de insectos dípteros (moscas). Xeralmente son insectos grandes e de voo áxil, e as femias pican aos humanos e outros animais, para sorber sangue. Prefiren voar á luz do día, evitando as áreas sombreadas e son inactivos pola noite. Son cosmopolitas, e só están ausentes de arquipélagos moi illados e rexións polares deshabitadas.
Tabánidos | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Hybomitra micans | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Subfamilias | |||||||||||||||||
Ver texto |
Os tabánidos adultos aliméntanse de néctar e exsudados de plantas; os machos teñen pezas bucais febles e só as femias pican a outros animais para obter proteínas do sangue para producir ovos. As pezas bucais das femias forman un robusto órgano picador con dous pares de coitelas moi cortantes, e unha peza con características de esponxa usada para sorber o sangue que flúe da ferida. As larvas son predadoras e crecen en hábitats semiacuáticos.
As femias poden ser vectores de enfermidades transmitidas polo sangue dun animal debido aos seus hábitos de alimentación. En áreas do mundo onde se dan esas enfermidades, os tabánidos son portadores do virus da anemia infecciosa equina, algúns tripanosomas, as filarias Loa loa, o ántrax en vacas e ovellas, e a tularemia. Ademais de faceren a vida no exterior menos confortable para os humanos, poden reducir as taxas de crecemento do gando e diminuír a produción de leite das vacas se non se lles proporcionan refuxios axeitados.
Os tabáns aparecen na literatura desde Esquilo na Antiga Grecia, que os menciona dicindo que levan a xente á loucura debido á súa persistente persecución.