Tálero de tiro
moeda conmemorativa Suíza / From Wikipedia, the free encyclopedia
Tálero de tiro (en alemán: Schützentaler; en francés: Écu de tir) é a denominación que se lles dá no ámbito numismático ás moedas suízas cuñadas para conmemorar os festivais de tiro (en alemán: schützenfest; en francés: fête de tir), uns torneos moi populares en diversos cantóns da Confederación Suíza.[1][2][3]
A maior parte destas moedas son diferentes nos seus deseños respecto das súas equivalentes circulantes, non conmemorativas, aínda que as emitidas con motivo dos festivais de tiro de Xenebra en 1851 e de Seleura en 1855 supoñen unha excepción. As temáticas representadas son habitualmente de exaltación cantonal ou patriótica (militares históricos, heráldica etc.).
Aínda que o máis habitual é que se trate de moedas de prata, algunhas das emisións do século XIX utilizaron outros metais, entre eles o ouro, sempre en pequenas cantidades.[4]
Estas moedas diferéncianse das medallas tamén emitidas para conmemorar os festivais de tiro por estaren suxeitas ás mesmas especificacións métricas que as demais moedas circulantes. Ademais, todas elas amosan o seu valor facial, coa excepción das de Stans e Sankt Gallen, nas que non aparece expreso. Malia recibiren o nome de táleros, por coincidiren nas súas especificacións de diámetro, metal e peso, ningunha delas amosa o seu valor facial nesa antiga moeda, máis propia de Alemaña e de Austria.[5] A primeira emisión dun tálero de tiro foi con motivo do festival de tiro de Coira en 1842, cun valor de catro francos; a segunda, emitida para Glarus, ten un valor facial de corenta batzen, e a terceira, do festival de tiro de Xenebra de 1851, é de dez francos. Ao longo do século XIX cuñáronse 18 deseños e, deles, todos os emitidos de 1855 a 1885 amosan a denominación de 5 francos.[4]
Xa no século XX, en 1934 comezou unha nova serie, que se truncou por mor da segunda guerra mundial, e en 1984 reiniciáronse estas emisións con motivo do festival en Oberhasli. Nas décadas seguintes xeneralizáronse as emisións en metais como o ouro e o cuproníquel e con denominacións de ata os 1.000 francos.[4]