Superantíxeno
antíxeno que causa a activación non específica de células T / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os superantíxenos (SAgs) son un tipo de antíxeno que causa a activación non específica de células T, o que ten como resultado a activación policlonal de células T e a liberación masiva de citocinas. Os superantíxenos poden producilos microbios patoxénicos, como virus, micoplasmas, e outras bacterias[1] como un mecanismo de defensa contra o sistema inmunitario do hóspede.[2] Comparada cunha resposta normal das células T inducida por antíxeno na cal só se activan entre o 0,001-0,0001% das células T do corpo, os superantíxenos poden activar unha proporción moito maior das células T do corpo. Ademais, os anticorpos anti-CD3 e anti-CD28 (CD28-SuperMAB) tamén son superantíxenos moi potentes (e poden activar ata o 100% das células T).
O gran número de células T activadas polos superantíxenos xera unha resposta inmunitaria masiva que non é específica para ningún epítopo determinado do superantíxeno, o que mina unha das bases fundamentais do sistema inmunitario adaptativo, como é a súa capacidade de dirixirse contra os antíxenos con alta especificidade. Máis importante aínda é que as células T activadas segregan unha gran cantidade de citocinas, a máis importante das cales é o interferón gamma (IFN-γ). Esta cantidade excesiva de IFN-γ á súa vez activa aos macrófagos. Os macrófagos activados, á súa vez, orixinan unha sobreprodución de citocinas proinflamatorias como a interleucina-1, interleucina-6 e TNF-alfa. O TNF-alfa é especialmente importante como parte da resposta inflamatoria do corpo. En circunstancias normais libérase localmente en baixos niveis e axuda ao sistema inmunitario a derrotar aos patóxenos. Porén, cando se libera sistemicamente no sangue e en altos niveis (debido á activación en masa de células T resultante da unión de superantíxenos), pode causar síntomas moi severos que poden chegar a ser mortais, como choque circulatorio e fallo multiorgánico.