Sítidos
Familia de paxaros da orde dos paseriformes / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os sítidos (Sittidae) son unha familia de aves paseriformes que comprende un único xénero, Sitta, formado por 28 especies. Reciben vulgarmente o nome de gabeadores, aínda que este nome tamén se lles dá aos Certhia e Tichodroma, que non están directamente relacionados. En Galicia vive a especie Sitta europaea (gabeador azul[3] ou piquelo azul[4]).
Sítidos Rango fósil: Mioceno-Actualidade | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Sitta canadensis en Quebec (Canadá) | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Especie tipo | |||||||||||||||||||||
Sitta europaea Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||||||
Caracterízanse por ter a cabeza grande, a cola curta, o peteiro bicudo e as patas fortes. A maioría das especies teñen as partes dorsais grises ou azuladas, e unha lista ocular negra, que contrastan coas partes inferiores claras, aínda que algunhas especies do sueste asiático, como S. formosa, teñen plumaxes máis complexas e coloridas. A deda externa destas aves está unida na súa base á deda media, grazas ao cal poden gabear pola codia das árbores doadamente, igual que os petos.
A maioría dos gabeadores habita en bosques temperados ou de montaña das rexións holártica e indomalaia, mais dúas das súas especies adaptáronse a ambientes rochosos de zonas máis cálidas e secas de Eurasia. Porén, a maior diversidade encóntrase no sur de Asia, e as semellanzas entre especies fan difícil a identificación. A maioría son aves sedentarias e viven na mesma zona todo o ano; porén, a especie norteamericana S. canadensis migra cara a climas temperados durante o inverno. Algunhas especies teñen distribución restrinxida e están ameazadas pola deforestación.
Son paxaros omnívoros: aínda que se alimentan principalmente de insectos, complementan a súa dieta con noces e sementes, especialmente en inverno. Buscan insectos ocultos entre a codia das árbores gabeando polos troncos e pólas, ás veces boca abaixo, e rara vez pousan en matogueiras ou no chan. Adoitan alimentarse en solitario no seu territorio durante a tempada de reprodución e cría, sinalándoo con fortes gritos e cantos sinxelos; mais poden unirse a bandadas mixtas para conseguir alimento durante o resto do ano. Teñen o costume de almacenar alimento entre as fírgoas da codia das árbores.
Viven e aniñan en buratos ou gretas; as especies máis pequenas poden escavar o seu propio burato nas árbores, pero as demais reutilizan de forma sistemática as cavidades xa existentes. Moitos gabeadores estreitan a entrada do seu niño con barro, co propósito de reducir o diámetro e limitar a depredación ou a competencia.