Servidume
From Wikipedia, the free encyclopedia
A servidume, ás veces para os períodos medievais denominada servidume da gleba, era unha figura xurídica e social que ligaba os campesiños a un determinado terreo (gleba). Os servos da gleba cultivaban, en proveito propio, as terras que pertencían ao propietario ou terratenente –que podía ser un señor individual ou ben colectivo, p.ex. un mosteiro, pagándolle un censo, que podía ser unha parte dos froitos recollidos. Ademais, con frecuencia estaban obrigados a determinadas prestacións de traballos e servizos a favor do señor (corveas, senras). Os servos tiñan esa condición por nacemento, non podendo, licitamente, subtraerse de tal condición sen o consentimento do señor.
Os servizos aos que estaba obrigado o servo adoitaban estar precisados, a diferenza do que ocorría cos escravos. Ademais os servos, non eran considerados cousas, obxectos, no sentido xurídico do termo, como acontecía cos escravos. Tiñan dereito á propiedade privada, aínda que estivese limitada a bens mobles, podían casar legalmente e ter fillos aos que legarlles unha herdanza. O señor carecía do dereito de dispor da súa vida, aínda que o servo podía ser vendido xunto coa terra á que estaba adscrito; porén ese mesmo servo non podía ser despoxado da súa terra, nin expulsado dela.