Selección de parentesco
From Wikipedia, the free encyclopedia
A selección de parentesco é a estratexia evolutiva que favorece o éxito reprodutivo dos parentes dun organismo, mesmo a costa da propia supervivencia e reprodución de dito organismo. O altruísmo de parentesco é o comportamento altruísta cuxa evolución é impulsada pola selección de parentesco. A selección de parentesco é un exemplo de fitness inclusiva, que combina o número de descendentes producidos co número que un individuo pode producir axudando a outros, como axudar a irmáns.
Charles Darwin discutiu o concepto da selección de parentesco no seu libro de 1859 The Origin of Species, onde reflexionaba sobre o crebacabezas dos insectos sociais estériles, como as abellas do mel, que deixan a reprodución en mans das súas irmás, argumentando que un beneficio selectivo para un organismo emparentado (o mesmo "stock") permitiría a evolución dun trazo que lle confire o beneficio pero destrúe o individuo ao mesmo tempo. R. A. Fisher en 1930 e J. B. S. Haldane en 1932 estableceron as matemáticas da selección de parentesco, e Haldane bromeou dicindo que estaría disposto a morrer por dous irmáns ou oito curmáns.[1][2] En 1964, W. D. Hamilton popularizou o concepto e o maior avance no tratamento matemático do fenómeno (que fixera George R. Price), e que se acabou por coñecer como "regra de Hamilton". No mesmo ano John Maynard Smith utilizou o termo actual selección de parentesco (kin selection) por primeira vez.
Segundo a regra de Hamilton, a selección de grupo causa que aumente a frecuencia dos xenes cando o parentesco xenético dun receptor con respecto a un actor multiplicado polo beneficio do receptor é maior que o custo reprodutivo que ten o actor. A regra é difícil de comprobar, pero un estudo nos esquíos Tamiasciurus hudsonicus feito en 2010[3] encontrou que na natureza a adopción de orfos por nais surrogadas ocorría soamente cando se daban as condicións da regra de Hamilton. Hamilton propuxo dous mecanismos para a selección de grupo: recoñecemento de parentes, na que os individuos poden identificar aos seus parentes, e poboacións viscosas, nas que a dispersión é rara dabondo como para que as poboacións estean estreitamente emparentadas. Os mecanismos de poboación viscosa fan posible a selección de parentesco e a cooperación social en ausencia de recoñecemento de parentes. A relación de crianza (nurture kinship), é dicir, o tratamento dos individuos como parentes cando viven xuntos, é suficiente para a selección de parentesco, dadas asuncións razoables sobre as taxas de dispersión. A selección de parentes non é o mesmo que a selección de grupos, na que a selección natural actúa sobre o grupo no seu conxunto.
Nos humanos, o altruísmo dáse con máis probabilidade e a maior escala con parentes que cos individuos non relacionados; por exemplo, os humanos fan agasallos segundo o estreitamente relacionados que están co receptor. Noutras especies, como os monos Chlorocebus pygerythrus practícase un coidado das crías por individuos que non son as súas nais, no que a miúdo femias emparentadas como irmás máis vellas ou avoas coidan das crías, segundo o seu parentesco. Outro exemplo é o camarón social Synalpheus regalis protexe aos xuvenís dentro de colonias moi relacionadas.