Sala de cinema
From Wikipedia, the free encyclopedia
Unha sala de cinema, cinema ou cine é un edificio que contén un auditorio para ver filmes. Moitas salas de cinema son negocios para o público xeral, que asiste pagando unha entrada. Con todo, algunhas salas de cinema están operadas por organizacións que non perseguen beneficios ou sociedades nas que os membros pagan unha cota para ver filmes.
Os filmes proxéctanse cun proxector nunha pantalla fronte ao auditorio, mentres que o diálogo, o son e a música se emiten mediante altofalantes. Dende a década de 1970, empréganse subwoofers para os sons baixos. Na década de 2010 a maioría das salas están equipadas con proxeccións de cinema dixital, suprimindo a necesidade de transportar unha película física nun rolo pesado.
No século XXI, moitas salas teñen varias pantallas. Os complexos máis grandes, chamados multiplex, deseño desenvolvido nos Estados Unidos na década de 1960, teñen máis de 25 pantallas.