Revolución romanesa de 1989
From Wikipedia, the free encyclopedia
A Revolución Romanesa de 1989 foi unha serie de conflitos e enfrontamentos nos derradeiros días de decembro de 1989. A conclusión deste episodio da historia de Romanía foi o final do réxime stalinista de Nicolae Ceauşescu. Os actos violentos que aconteceron en varias localidades romanesas naqueles días conduciron o ditador ao abandono do poder e á súa fuxida de Bucarest, en compañía da súa dona, Elena Ceauşescu. Prendidos en Târgovişche, foron axuizados por un tribunal militar creado ex-profeso baixo os cargos de xenocidio, danos á economía nacional e abuso do poder para executar accións militares contra o pobo romanés.[1] Achados culpables de tódolos cargos, foron executados o 25 de decembro de 1989. Romanía foi o único país do Bloque do Leste onde a transición dende o Estado socialista a un de mercado implicou a execución dos líderes do país.
Revolución romanesa de 1989 Revoluţia română din 1989 | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
Belixerantes | |||||||
República Socialista de Romanía | Grupos opositores ao réxime de Ceauşescu | ||||||
Baixas | |||||||
1.104 mortos 3.352 feridos |
O número total de mortes na Revolución Romanesa foi de 1 104,[2] dos que 162 falecementos aconteceron nas protestas que puxeron punto final ao réxime de Nicolae Ceauşescu (protestas ocorridas do 16 ao 22 de decembro de 1989) e as restantes 942 nos disturbios ocorridos antes da toma do poder por parte dunha nova estrutura política, chamada Fronte de Salvación Nacional (FSN). A maioría das mortes ocorreron en cidades como Timişoara, Bucarest, Sibiu e Arade, onde as protestas acadaron magnitudes maiores. O número de feridos chegou a 3 352, dos que 1 107 corresponden ao período no que Ceauşescu aínda retiña o poder, e os restantes 2.245 corresponden ao período posterior á toma do poder por parte da Fronte de Salvación Nacional.[3]