Resorte
obxecto elástico usado para almacenar enerxía mecánica / From Wikipedia, the free encyclopedia
Un resorte é un obxecto elástico flexíbel usado para almacenar enerxía mecánica e desprenderse logo dela sen sufrir deformación permanente cando cesan as forzas ou a tensión que o someten. Os resortes son feitos de materiais moi diversos, aceiro ao carbono, aceiro inoxidable, aceiro ao cromo-silicio, cromo-vanadio, bronces, plástico etc, que presentan propiedades elásticas; e cunha gran diversidade de formas e dimensións.
Teñen moitas aplicacións, desde cables de conexión até disquetes, produtos de uso cotián, ferramentas especiais ou suspensións de vehículos. O seu propósito, con frecuencia, adáptase a situacións nas que se require aplicar unha forza e que esta sexa retornada en forma de enerxía. Sempre están deseñados para ofrecer resistencia ou amortecer as solicitacións externas.
Na física clásica, un resorte pode ser visto como un dispositivo que almacene a enerxía potencial esticando as ligazóns entre os átomos dun material elástico.
A lei de Hooke da elasticidade indica que a extensión dunha haste elástica (o seu comprimento distendido menos o seu comprimento relaxado) é linear proporcional á súa tensión e á forza usada para esticala. Similarmente, a contracción (extensión negativa) é proporcional á compresión (tensión negativa).
Para deformacións alén do límite elástico, as ligazóns atómicas comezan a se quebrar, e un resorte pode formar ondas, ou deformarse permanentemente. Moitos materiais non teñen ningún límite elástico claramente definido, e a lei de Hooke non pode ser significativamente aplicada a estes materiais.